Lara Méndez: “É clave falar e debater cos xóvenes sobre o presente e futuro da cidade e coñecer as súas opinións e motivacións porque eles son o noso impulso”.
O mércores, 20, comeza o proceso de participación cidadá cun punto informativo que se instalará nas piscinas de Frigsa, con entrada gratuíta para menores de 30 anos.
A Axenda Urbana ‘Lugo, Cidade Viva’ marcará a continuidade das estratexias que se están a desenvolver para o crecemento máis sostible e equitativo do municipio.
O Concello de Lugo activará a vindeira semana os traballos de participación cidadá para elaborar o Plan de Acción da Axenda Urbana 2030, impulsado pola alcaldesa Lara Méndez para deseñar o futuro da cidade, que lle dará continuidade nos vindeiros anos á estratexia de sostibilidade establecida no mandato pasado e que se está a desenvolver na actualidade.
Neste senso, “en Lugo apostamos por darlle un impulso especial á voz da xente moza, queremos falar e debater con ela sobre o presente e futuro da cidade, coñecer as súas opinións, aspiracións e motivacións porque son o noso impulso”, sostén a rexedora, que mantén que “os máis mozos e a súa visión son claves na definición das políticas públicas como grandes xeradoras de oportunidades”.
Baixo o paraugas da marca sostible da cidade, ‘Lugo, Cidade Viva’, o deseño do Plan de Acción, que foi seleccionado para o seu desenvolvemento polos fondos Next Generation, recollerá unha folla de ruta que “lle dará un enfoque integrador para os vindeiros anos a todas as actuacións que desenvolvemos e que seguiremos a fomentar en prol de atender aos impactos do cambio climático dende os fenómenos urbanos, procurando a ordenación do territorio e o seu uso racional, revitalizando a zona rural e urbana, pulando pola xestión sostible dos recursos, a economía circular e o fomento da proximidade tanto no eido do consumo como da mobilidade co fin de procurar unha maior cohesión e equidade social, ao tempo que favorecemos tamén a innovación dixital”, sinala Lara Méndez.
Para o proxectar o Lugo 2030 lanzaranse varías vías para a participación de toda a cidadanía, e en especial crearanse mesas de traballo no marco do impulso do Consello da Mocidade coa xente máis moza. O pistoletazo de saída con eles será a instalación dun punto informativo o vindeiro mércores, día 20, onde os mozos e mozas de entre 14 e 30 anos terán acceso gratuíto ás piscinas de 16.00h a 20.30h, unha medida que pretende animar á mocidade a sumarse á convocatoria.
A xornada está pensaba como canle de información para explicar que é a Axenda Urbana Española e como afecta a Lugo, ao tempo que se animará á mocidade a participar no primeiro encontro que se manterá con eles o vindeiro 27 de xullo na Casa Consistorial. Nos mesmos se debaterá sobre os retos e desafíos do futuro e sobre as propostas en materia de mobilidade, medio ambiente, vivenda, inclusión social, participación cidadá, emprego e economía circular.